martes, 9 de mayo de 2017

CARLOS CASARES (X)



 A Editorial Galaxia comezou ao pouco tempo de falecer Carlos Casares a recompilación dos artigos publicados por este no xornal La Voz de Galicia, un traballo que se abriu en 2005 coa edición deste Á marxe, 1992. Obra xornalística I. O espazo denominado ‘Á marxe’, que comezara a aparecer de xeito esporádico a finais dos anos oitenta, fíxose diario a mediados do 1992, e desde o comezo os textos contan co estilo natural e coa prosa limpa que os farían tan valorados polos lectores.


                  
                                             
                                                                         
As columnas de Casares son de difícil clasificación, pois nelas combínanse o xornalismo de creación e a opinión coa anécdota humorística, a observación do día a día e os apuntes eruditos, tan do gusto do seu autor. No 1992 Casares deixou anotadas nesta sorte de caderno diario persoal as súas visións sobre temas do momento coma o atentado islámico no garaxe das Torres Xemelgas de Nova Iork (preludio do desastre que viría en 2001), o derrubo do pouco que quedaba do réxime soviético na URSS e as que foran as súas repúblicas satélites ou o auxe da xenofobia en Europa.


                   
                                                                                                             
Polas páxinas desta recompilación pasan personaxes como Lady Di, Woody Allen ou o sobranceiro ciclista Miguel Indurain, pero tamén amigos persoais como Gonzalo Torrente Ballester, Miguel Torga ou Celso Emilio Ferreiro. Ten Casares tempo para deterse en detalles cotiáns como os problemas dunha folga de transporte ou para dar saída a unha das súas paixóns, a innovación tecnolóxica, falando da realidade virtual. O lector acabará acompañando ao autor nunha viaxe diaria que durará ata marzo de 2002.


                     

           

No hay comentarios:

Publicar un comentario