martes, 27 de junio de 2017

CONCURSO LITERARIO DÍAS DAS LETRAS GALEGAS CARLOS CASARES 2017



Os gañadores foron:

Nerea Vázquez Pérez, de 4º da ESO

   Rocío González Vidal, de 2º da ESO

   Manuel Serto Diz, de 3º da ESO



Todos eles recibiron como premio un libro e a gravación

radiofónica do seu relato.

Os tres gañadores:




A continuación tedes os relatos gañadores:


Os irmáns da posguerra, Nerea Vázquez Pérez


Dirixiuse ao armario, abriu a porta e buscou a roupa que necesitaba. Había abundancia de camisas e pantalóns, pero nin unha soia chaqueta.
Sen preocuparlle moito a ausencia de chaquetas, dirixiuse ao cuarto do seu irmán e colleu a primeira cazadora que atopou. Quedáballe algo grande, pero taparíalle mellor o frío invernal que caracterizaba aquel mes de xaneiro tan distinto doutros anos.
Antes de sair da casa que a vira crecer, reparou nunha fotografía que se atopaba na entrada. Mirouna uns segundos, recordou o día no que foi sacada. Aquel día de verán que pasara co seu irmán antes de que voltara para a universidade. A última vez que o vira.
Manuel colleu a fotografía con cariño e sacouna do seu marco para metela na súa mochila. O marco era un peso innecesario.
Abandonou o seu fogar sen saber a onde ir. Xa nada importaba. Toda a súa familia estaba morta. Eran tempos difíciles para alguén coma el. A súa nai era directora no centro no que o seu pai era profesor. Fusiláronos aos dous por opoñerse ás leis de Franco. A súa tía, tamén profesora, ocupouse de coidala tras a morte dos seus pais. Ela tamén ía en contra das leis franquistas, e mantívose un pouco ao marxe para poder seguir coidando do pequeno Manuel, porque xa sabía ben o que lles pasara á súa irmá e ao seu cuñado.
En canto ao seu irmán, foille imposible saír do país para voltar á universidade de Francia na que estudaba. Non tiña permiso do seu párroco debido a que a súa familia prefería ir a protestas anti-franquistas que á igrexa. Nin tiña permiso do Estado, eles estaban informados do “simpáticos” que eran os seus pais. Pero unha vez estivo na fronteira xa non puido volver atrás. As tropas franquistas apresárono e levárono para algún cárcere de Navarra.
E por último a tía. Ela foi a última que lle arrebataron. Agora só queda Manuel para transmitir o apelido, ainda que seguramente era o que menos lle importaba aos seus pais.
A tía foi asesinada polas tropas franquistas na plaza do municipio. Viñeron a buscala á súa casa e levárona presa. Manuel presenciou a morte. Veuna cos seus propios ollos. Chorou. Agarrou o peito, pensou que a dor llo ía estoupar. E alí mesmo xurou para el que nunca se rendiría.
Hoxe, media hora despois da morte da súa tía e da fuxida da súa casa, viaxa nun coche hacía a fronteira francesa. Con el vai o noivo da súa tía. Amábanse en segredo e eso mismo permiteulle seguir con vida ata agora.
Non se din nada. Ambos os dous están doídos pola perda. E saben que lles espera o mesmo se non cambian de ideoloxía. Manuel non está moi metido no mundo comunista, pero si o seu acompañante, que xa sufriu torturado e viveu uns anos no cácere. Antonio sabe o que lle fan á xente coma el e ainda así non cedeu á depuración; por qué ía a facelo Manuel?
Pasaron varias horas ata que Antonio e Manuel chegaron a Navarra. Tiveron que cambiar as súas documentacións varias veces para non ser descubertos. Manuel estaba emparentado co bando comunista e Antonio era unha cara conocida dos rebeldes buscado polas autoridades. Manuel estaría mellor sin el, sin que o relacionaran cun rebelde. Pero sin el non sabería a onde ir nin qué facer. Agora dirixíanse a Francia coa esperanza de atoparse cun vello amigo de Antonio. Sabían que sería difícil cruzar a fronteira. Pepe esperábaos ao outro lado.
Entón Manuel douse conta de que o seu irmán, que pensaba que estaba felizmente estudando na universidade, non sería capaz de cruzar.
-       A única maneira de cruzar é por infiltramento de franceses comunistas. Raúl nunca se relacionaría con eles.- Replícalle a Antonio.
-       Seguro que teu irmán cruzou. Leva dous anos relacionándose con eses que chamas rebeldes.
-       Non, a el non lle gustaba a compañía rebelde. Non lle interesa a política.
-       A ninguén lle gusta a política, Manuel.
-       Síntoo. Aquí separámonos. Non penso cruzar. Vou a buscar a meu irmán polas aldeas próximas. Non pode andar moi lonxe.
Antonio pon un aceno de deseperación na cara, aínda que non lle importe demasiado o que faga Manuel, no fondo quere protexelo porque é sobriño da súa difunta noiva. E era como un fillo para ela.
De todos modos, cada un sigue o seu camiño. É a última vez que se ven. Manuel queda co coche, Antonio non o pode pasar pola fronteira.
Busca por todas as aldeas, todas as cidades, todos os recunchos de Navarra. Ata que se decata, xusto antes de seguir buscando noutra comunidade autónoma, de a onde levan aos que intentan pasar a fronteira. Todo aquel tempo evitando cruzar e era aí onde tiña que buscar.
Primeiro vai polas boas e pregunta nos cárceres cercanos por Raúl. Pronto se da conta de que non sirve de nada. Tras unha semana de reflexión, decide facelo. Decide intentar cruzar a fronteira coa esperanza de que o leven ao mesmo cárcere ca o seu irmán.  É o único modo de saber se está aí.
O seu plan ten éxito. Leva máis golpes dos esperados, pero consigue o que quería. Xa está no cárcere. Agora solo ten que buscar a Raúl. “Non pode ser tan difícil”, pensa Manuel. Pero as instalacións son grandes e pasan uns días ata que o atopa. Encóntrao delgado e con mal aspecto, como se non durmira durante días. O encontro é tan emotivo que Manuel chora, e Raúl quixera facelo, pero non ten enerxía suficiente para chorar.
Os anos transcurren e finalmente son liberados. Primeiro Raúl e despois Manuel. Un espera ao outro. Tan pronto son libres os dous, non pensan en voltar a Galicia. Non pensan en ir a ningures, só en permanecer xuntos e calados. Esperar a que a tormenta se calme e entón, vivir felices olvidando o pasado.


_____________________________________


Balto, un heroe que fixo historia, Rocío González Vidal

Dirixiuse ao armario, abriu a porta e buscou a roupa que necesitaba. Había abundancia de camisas e pantalóns, pero nin unha soa chaqueta. Entón escoitou unha voz que o estaba a chamar:
-Marcos, ven aquí!-, dicíalle aquela voz descoñecida dende fóra da casa. Marcos abriu a porta, pero non viu a ninguén. Pero entón, un home saltou enriba del de forma que non se podía mover. O home loitou contra Marcos até deixalo inconsciente. Despois, abriu a porta de teletransporte e desapareceu de alí. Por sorte, un can-lobo chamado Balto viuno todo e logrou pasar pola porta xusto antes de que se cerrara.
Cando Marcos espertou, tiña atadas as mans e os pés. Marcos viu a Balto e asustouse moito, pero Balto díxolle: 
-Tranquilo, non te asustes. Non son un lobo, senón un can-lobo. Chámome Balto e estou aquí para axudarte. E ti, como te chamas?
-Ma... Marcos... Chámome Marcos.
-Moi ben! Marcos é un nome moi bonito.
Marcos sorriu. Tal vez Balto dicía a verdade.
Balto conseguiu desatar a Marcos, pero non tivo tempo de escapar pois o home viunos.
-Corre!- díxolle Balto a Marcos.
-Pero que pasará contigo?- preguntoulle Marcos. -Non quero que che pase nada!
-Non te preocupes por min, ti corre!
Marcos obedeceu aínda que estaba preocupado polo seu novo amigo.
O home ía dispararlle a Balto, pero este esquivou o impacto. Entón Balto saltou sobre o home xusto cando este apertou o gatillo. A bala rebotou e foille dar ao home, que morreu.
Marcos alegrouse moito cando viu a Balto saír de alí dunha soa peza. Pero non só estaba el, tamén estaban Milú, Seitz, Tintín, Hernández e Fernández, Nemo, Ariel, Fioundet, Aladín, Simba, Jazmín, Mufasa, Sebastián, o cangrexo (escapando do Chef, coma sempre), e moitos máis dos que non recordo os seus nomes.
Hai que ver que rápido se fixo así de famoso Balto!!! 

_____________________________________


Recordos incoloros, Manuel Serto Diz

Dirixiuse ao armario, abriu a porta e buscou a roupa que necesitaba. Había abundancia de camisas e pantalóns, pero nin una soa chaqueta. Unicamente unha camisa de manga corta e uns pantalóns vaqueiros, una mala combinación para un día de verán que semellaba do máis frío dos invernos. Finalmente decatouse de que encima da cama tiña unha chaqueta, colleuna. Mirou o reloxo, as 11:20.
Saíu da casa a toda présa, pasou polos lugares polos que tódolos días pasaba para chegar até o descampado no que frecuentaba xogar cos seus amigos, pero desta vez o destino era outro ben distinto. Nese momento lembrou algúns dos momentos que pasara xunto aos seus amigos e amigas nese descampado. Recordos que, aínda que en todos aparecía o seu mellor amigo, Íker Alegre, sentíaos fríos e áridos, incoloros.
Parouse na parada de bus que había 200 metros máis aló do descampado, os recordos seguían chovendo pola súa mente; mirou o reloxo de novo: as 11:35, ás 11:40 pasaba o autobús.
Eses recordos, aínda que el non o sabía, eran unha premonición de algo que a Luís Miguel lle cambiaría a súa forma de ver a vida para sempre. Subiu ao autobús; 15 minutos despois baixou.
Xusto en fronte del atopábase un impoñente campo de fútbol, pero non, hoxe non tocaba entrar alí. Andou ata o final da rúa e torceu á esquerda, uns pasos máis adiante atopábase o que el buscaba. Decidiu pasar á outra beirarrúa, pero como non había paso de peóns, cruzou a estrada cando non pasaban coches. Atopouse na entrada do edificio, na entrada ao fin do neno Luismi, na entrada ao inicio do adulto Luís Miguel Pérez Torres.
Cando entrou o reloxo que estaba pendurado da parede marcaba as 12 en punto, 2 horas antes seu amigo Íker levara un golpe tras unha caída pola esqueira, contáranlle que non fora moi grave pero que o tiveran que operar porque mancara un pé, mentíranlle.
Sentou na sala a esperar.
Mirou o reloxo, as 12:10; decidiu preguntar en recepción polo seu amigo. Só lle contaron  que estaba sendo operado de urxencia no quirófano 14. Comezou a vagar polo corredor,  quizais tratando de encontrar algo que lle quitase ese sentimento de amargura que non  acaba de comprender, pero que non se borraba dos seus pensamentos.
Pouco tivo que esperar. 12:20; saen varios médicos do quirófano 14, xa non se podía facer nada.





lunes, 12 de junio de 2017

MARATÓN LETRAS GALEGAS

Na semana das Letras Galegas celebramos a final do

concurso que se estivo realizando ao longo do curso 

para todo o Centro: o das Definicións enganosas.

Foi o 18 de maio no recreo. Saíu un gañador por curso.

A final consistiu nunha Maratón na que tiveron que 

realizar catro probas.

Dividíronse en tres categorías:

1ª) 1º, 2º e 3º de Primaria.

2ª) 4º, 5º e 6º de Primaria.

3ª) Toda a ESO.

Todas as categorías fixeron unha primeira 

proba común: PASAPALABRA. As outras tres foron 

distintas para cada categoría.








A entrega de premios foi o  9 de xuño ás 12:00.

Os gañadores foron:

Primaria:

1º: Iago

2º: Amanda

3º: Soraya

4º: Teresa

5º: Carla

6º: Alicia

Secundaria:

1º: Mónica Rodiño Camiña

2º: Santiago Prieto

3º: Luís Castro Lois

4º: Sofía Rodríguez Dávila


Os premios foron:

Para os dous primeiros ciclos de Primaria: un xogo 

educativo

Resto de alumnado:  uns auriculares.


A todos, un libro de Carlos Casares. 1º, 2º e 3º de 

Primaria: Lolo anda en bicicleta; 4º, 5º e 6º de Primaria e

1º da ESO: A galiña azul; 2º, 3º e 4º da ESO: Vento ferido.






jueves, 18 de mayo de 2017

RAP DE CARLOS CASARES

Déixovos o Rap de Carlos Casares que fixo o noso compañeiro Raúl.
Nel cóntanos a vida e obra do autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas.
Espero que vos guste...




jueves, 11 de mayo de 2017

DESEMPATE DEFINICIÓNS ENGANOSAS

O concurso das Definicións enganosas celebrado durante todo o curso chegou á súa fin.
A próxima semana celebraremos unha Maratón cos finalistas (tres por aula). Como nalgunha aula tiñamos empate, fixemos unha proba para desfacelo.
A proba resultoulles un pouco difícil, pero xa temos finalistas.
Deixámosvos aquí a proba realizada para que a poidades facer.
A ver quen é o que as acerta todas!!!


BIO-BIBLIOGRAFÍA DE CARLOS CASARES




Carlos Casares Mouriño nace na cidade de Ourense o 24 de agosto de 1941. Sendo un neno, a súa familia trasládase a Xinzo de Limia, onde o pai, Francisco Casares, traballará como mestre. A súa infancia desenvólvese nun ambiente entre aldeán e vilego, entre Xinzo e as aldeas de Beiro, Lamas e Sabucedo, que deixará unha fonda pegada na súa obra. Neste ambiente rural beberá Carlos un galego tradicional e plenamente vivo, que lle servirá de alicerce para toda a súa produción como escritor e orador. Así e todo a súa nai era castelán-falante, polo que a infancia do escritor ía ser unha infancia bilingüe, de contacto directo con ambas linguas. No entanto, Carlos afirmaría en entrevistas posteriores “eu expreseime de sempre moito mellor en galego”, lingua que defendeu arreo e por cuxo porvir estivo preocupado durante toda a súa vida.
No ano 1952 ingresa no seminario de Ourense, onde descobre a súa faceta de escritor grazas ao profesor de literatura Agustín Madarnás, de quen o propio Carlos dirá que o marcou profundamente. Neste novo ambiente o autor sentirá en carne propia a represión lingüística da época, ao estarlles prohibido a todos os rapaces falaren galego en calquera dos eidos da súa vida no seminario: “cada vez que dicías unha verba en galego tiñas que escribir mil, cinco mil, dez mil veces: no hablaré gallego, no hablaré gallego”. Nesta etapa escribe un xornal semanal, El Averno, do que era o "director e único redactor".
Cando abandona o seminario, segue os estudos de bacharelato por libre en Xinzo de Limia. En 1959 gaña un concurso de relatos breves e isto permítelle coñecer a Vicente Risco, membro do xurado, e participar nos seus faladoiros literarios dos cafés Parque, Miño ou Volter. Alí contactará con outros escritores e artistas como Arturo Lezcano, Ferro Couselo, Xaime Quesada ou Xaquín Lorenzo.
No ano 1961 trasládase a Santiago de Compostela para estudar Filosofía e Letras e incorpórase ao grupo de galeguistas liderado por Ramón Piñeiro.
En Compostela participa, como dirixente da Asociación Democrática de Estudantes, no movemento universitario de protesta contra o franquismo. Entre as actividades que organiza ADE cómpre salientar o concerto de Raimon na cidade, preludio do 68 compostelán e xerme do movemento Voces Ceibes, a expresión galega da canción protesta. Casares inflúe na galeguización do movemento universitario ao participar na tradución ao galego do folleto coas letras do cantautor catalán.
En 1967 publica a súa primeira obra, Vento ferido, un libro de relatos xuvenís con técnicas innovadoras e influxo do experimentalismo europeo e americano. Nestes relatos inzados de soidade e fatalismo aparecen xa os temas que se repetirán na súa obra, como a violencia, a opresión e a intolerancia nas relacións humanas.
Ao ano seguinte sae do prelo a súa primeira obra de relatos infantís, A galiña azul e, de alí a pouco, a primeira obra infantil de teatro, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973). En 1969 empeza a impartir docencia en Viana do Bolo pero é inhabilitado por defender o dereito ao comedor gratuíto para os nenos pobres e ten que marchar a Bilbao. En 1974, despois de aprobar as oposicións, exercerá como profesor en Cangas do Morrazo e posteriormente en Nigrán.
No ano 1971, nun tren que se dirixe a Santiago de Compostela, coñece unha rapaza sueca, Kristina Berg, coa que casa e que lle abre as portas de Suecia. Este país converterase nunha especie de modelo ideal para a súa Galicia soñada.
Nestes tempos afiánzase como escritor e inicia a súa longa colaboración coa prensa, primeiro no xornal La Región de Ourense e posteriormente en La Voz de Galicia. En 1981 preséntase como galeguista independente nas listaxes do PSdeG-PSOE ás primeiras eleccións ao Parlamento e é elixido deputado. Como parlamentario, participa na redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística de 1983, na creación do Consello da Cultura Galega e da Radio e Televisión de Galicia e na elaboración da campaña Fálalle Galego.
Son anos de intensísima actividade intelectual nos que preside o Consello da Cultura Galega, dirixe a revista Grial, colabora activamente coa Real Academia Galega (da que é membro desde 1977), dirixe a Editorial Galaxia, preside o PEN Club e no 2000 participa con outros 80 escritoras e escritores no Expreso da Literatura Europea que percorre Europa desde Lisboa ata San Petersburgo.
Ademais, desde 1992 escribe a columna "Á marxe" para o xornal La Voz de Galicia e segue a publicar títulos de narrativa.
Da súa prolífera obra cómpre salientar obras como Cambio en tres (1969), Xoguetes pra un tempo prohibido (1975), Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987), O galo de Antioquía (1994), Deus sentado nun sillón azul (2000) e Un polbo xigante (2000). Deixounos tamén moitas publicacións destinadas ao público infantil. Á parte de A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, publicou Lolo anda en bicicleta ,  O can Rin e o lobo Crispín ou a serie Toribio.
Cómpre tamén subliñar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez, Ramón Piñeiro ou Vicente Risco. Da súa faceta como tradutor, pódese destacar a tradución ao galego de obras como O Principiño de Saint-Exupéry ou O vello e o mar de Hemingway.
Ao longo da súa traxectoria como escritor recibiu numerosos recoñecementos e premios entre os que destaca o Premio da Crítica Española (1976) por Xoguetes pra un tempo prohibido, os premios de xornalismo Fernández-Latorre (1983) e Julio Camba (1995) e o Premio da Crítica Española e de Galicia (1997) por Deus sentado nun sillón azul.
Falece en Vigo o 9 de marzo de 2002, despois de entregar na imprenta a versión definitiva de O sol do verán.
Carlos Casares, humanista e cosmopolita, non só se nos revela como unha figura indispensable do panorama cultural galego do século XX senón tamén como un dos principais renovadores da literatura galega contemporanea.



martes, 9 de mayo de 2017

CARLOS CASARES (X)



 A Editorial Galaxia comezou ao pouco tempo de falecer Carlos Casares a recompilación dos artigos publicados por este no xornal La Voz de Galicia, un traballo que se abriu en 2005 coa edición deste Á marxe, 1992. Obra xornalística I. O espazo denominado ‘Á marxe’, que comezara a aparecer de xeito esporádico a finais dos anos oitenta, fíxose diario a mediados do 1992, e desde o comezo os textos contan co estilo natural e coa prosa limpa que os farían tan valorados polos lectores.


                  
                                             
                                                                         
As columnas de Casares son de difícil clasificación, pois nelas combínanse o xornalismo de creación e a opinión coa anécdota humorística, a observación do día a día e os apuntes eruditos, tan do gusto do seu autor. No 1992 Casares deixou anotadas nesta sorte de caderno diario persoal as súas visións sobre temas do momento coma o atentado islámico no garaxe das Torres Xemelgas de Nova Iork (preludio do desastre que viría en 2001), o derrubo do pouco que quedaba do réxime soviético na URSS e as que foran as súas repúblicas satélites ou o auxe da xenofobia en Europa.


                   
                                                                                                             
Polas páxinas desta recompilación pasan personaxes como Lady Di, Woody Allen ou o sobranceiro ciclista Miguel Indurain, pero tamén amigos persoais como Gonzalo Torrente Ballester, Miguel Torga ou Celso Emilio Ferreiro. Ten Casares tempo para deterse en detalles cotiáns como os problemas dunha folga de transporte ou para dar saída a unha das súas paixóns, a innovación tecnolóxica, falando da realidade virtual. O lector acabará acompañando ao autor nunha viaxe diaria que durará ata marzo de 2002.


                     

           

lunes, 8 de mayo de 2017

CARLOS CASARES (IX)


Un home rememora o episodio que marcou a súa infancia: a desaparición do criado Nicolás mentres os dous pescaban, arrastrado ao fondo do mar por un mítico polbo xigante. Nun primeiro momento, o rapaz cre o que lle conta a Delfina: que o polbo non é outro que o xastre de Agüeiros, amante da troula, reencarnado e en busca que compañeiros de festa. Co tempo, e tras moito debate con Delfina, o mozo deixará de crer a historia… ou non de todo.
A obra, a última ficción publicada por Carlos Casares en vida, acompañouse con ilustracións de Luis Castro Enjamio, e é un tenro debate entre imaxinación e realidade no que ningunha das dúas partes ten por que saír derrotada.

____________________________



Carlos Casares publicou en 1994 o texto O galo de Antioquía, facendo parte da colección de relatos curtos ‘Os contos do Castromil’, patrocinada pola empresa de transportes. A obra, de 40 páxinas na súa reedición de 2003, é un bo resume de moitos dos temas tocados pola narrativa do autor ao longo da súa traxectoria: a intransixencia fronte a unha mirada compasiva sobre a vida, a fantasía, o humor absurdo e a amizade, situados todos eles, unha vez máis, no pano da paisaxe vilega de Xinzo de Limia, onde Casares pasou a súa infancia.
Conta O galo de Antioquía unha historia do século XVII que ben podería ter feito parte do xogo pseudo histórico de Os escuros soños de Clío: o ferreiro Antonio Mardarro, O Calatrón, comeza a poñer ovos e, de xeito inexplicable, inicia a súa conversión en galo. Tras comentarlle o asunto ao cura da parroquia (un don Marcelo que recorda a tranquilidade e a bondade do protagonista de Ilustrísima), o caso cae nas mans da Inquisición e remata nun auto de fe na Praza Maior da capital da Limia. O ferreiro-galo garda, porén, un as na manga para o derradeiro instante de padecemento.

jueves, 4 de mayo de 2017

CARLOS CASARES (VIII)


Na súa terceira novela, Carlos Casares acompaña ao protagonista, Elías Paz, desde a nenez nunha pequena vila ourensá ata os tempos de estudante universitario en Compostela. O texto enlaza nunha hábil mestura a segunda e a terceira persoas, no que é considerado o cumio da etapa máis experimental do seu autor.
Xoguetes para un tempo prohibido percorre os diversos escenarios da represión diaria que se vivía na Galicia da ditadura franquista: a violencia imperante nos colexios relixiosos e nas igrexas, primeiro; a descuberta do amor e as relacións entre os dous sexos, condicionadas polas convencións e o medo; a loita política, despois, as súas escuridades e os os seus servilismos; a censura; e a dramática aceptación da derrota, finalmente.
Esta novela de aprendizaxe é considerada un dos fitos da chamada Nova Narrativa Galega e retrata a toda unha xeración, criada na posguerra e que soñou coa revolución nos anos sesenta, para despois verse sumida no desencanto. Xoguetes para un tempo prohibido recibiu o premio Galaxia en 1975, converténdose inmediatamente en referencia da literatura dunha época.
_____________________________
Seguindo coa serie de Toribio...
Aquí o mozo ten unha brillante idea: inventa o Adiantador Liñal de Seguridade.

miércoles, 3 de mayo de 2017

CARLOS CASARES (VII)


Rin é un can vello e forte que sabe falar (e rezar) en varios idiomas e se relaciona cos persoeiros máis importantes da provincia. Xeneroso e ben disposto, dunha vez vese na obriga de ir buscar ao médico para atender á doente Palmira de Ignacio. Camiño da casa da enferma aparece o malvado lobo Crispín, ao que Rin fará fronte con afouteza.
O can Rin e o lobo Crispín emprega os mellores recursos da literatura oral e unhas pingas de surrealismo para contar unha historia divertida que transcorre nun ambiente rural. Galaxia editou esta terceira creación infantil de Carlos Casares en 1983, con debuxos de Pedro de Llano, e a obra foi traducida a diversos idiomas, coma castelán, o catalán ou o euskera.
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Viquingos sanguinarios, curas inquisidores, republicanos, fidalgos e masóns xúntanse nas páxinas de Os escuros soños de Clíoun exercicio de ficción histórica en forma de pequenos relatos publicado orixinalmente por Edicións do Cerne en 1979.
Nas súas páxinas preséntanse, con forte pegada cunqueiriana e a modo de descubertas bibliográficas cheas de humor erudito, as peripecias de dous guerreiros nórdicos, Torbjörn e Orm, que atormentaron a Mariña de Lugo tanto de vivos coma de mortos; as proezas do compostelán Antonio F. Caaveiro, alquimista; as invencións do avisador alaricano Narciso de Acuña, que adornaba os acontecementos da vila e corte para deleite do seu correspondente en Galicia, un fidalgo melancólico; os intentos dun frade portugués por descubrir a falsidade dun xudeu de Pontevedra do que se dicía que era inmortal; ou a aventura paranormal de Cagliostro en Compostela.

jueves, 27 de abril de 2017

CARLOS CASARES (VI)



A violencia diaria, exercida de pais a fillos, de homes a mulleres, entre compañeiros; a dureza da vida, primeiro nas cidades e despois no estranxeiro; e a falta de expectativas durante os anos centrais da ditadura. Con estes elementos compuxo Carlos Casares Cambio en tres, unha das súas obras máis experimentais, que entroncou no seu día coa prosa europea de vangarda.
Escrita coma un torrencial monólogo interior, a obra é orixinal desde a mesma estrutura dos capítulos e a composición tipográfica de moitas das páxinas máis reflexivas. Cambio en tres arranca co regreso a Galicia dun emigrante para enterrar un compañeiro e retrata a súa amizade desde a infancia ata a súa vida en Francia.
Publicado pola Editorial Galaxia en 1969, este primeiro texto longo de Casares fai un retrato dun Ourense de aluvión e barriadas, habitado por persoas que loitan por sobrevivir con traballos esporádicos e o alcol como medio de evasión barato.
_________________________________________


Lolo ten o soño de andar en bicicleta, mesmo de ter unha bici de seu. Pero fixo un día unha trasnada das gordas e os Reis Magos, no canto de bici, deixáronlle carbón. De todos modos, Lolo empeza a practicar coa bici do seu pai ás agachadas...

Lolo anda en bicicleta é un dos contos para nenos que nos deixou Carlos Casares, autor que destacou polo seu apoio e atención ao desenvolvemento dunha literatura infantil de calidade en galego. Manuel Uhía, un dos máis veteranos debuxantes galegos, obtivo con esta obra o Premio "Rañolas" ao mellor libro ilustrado.